top of page

Intercambio de experiencias

Formación nos centros educativos galegos

No marco deste proxecto desenvolvemos un forte proceso formativo co profesorado de centros educativos galegos. Contamos coa participación do IES de Valga, IES Arcebispo Xelmirez I, IES Eduardo Pondal, IES Porto do Son e IES de Ames, coa implicación dun total de 43 docentes, 30 mulleres e 13 varóns.

Iniciamos cunha formación sobre “Educación ambiental para a sostenibilidade”. Os contidos desta actividade sentaron, nalgún sentido, as bases dos tópicos centrais do proxecto; complementado coa formación sobre “Os problemas socio-ambientais no centro educativo: presentación e diagnóstico”, centrada na devolución dos resultados da investigación realizada no marco do proxecto anterior.

Seguidamente, abordamos “A educación como alternativa fronte ao cambio climático”, e “O eco-feminismo e coidado da vida nos centros educativos”, dous dos temas centrais na abordaxe actual dos principais retos socioambientais.

E pechamos a formación con dúas temáticas con orientación eminentemente práctica “A xestión e uso sustentable dous recursos no centro educativo”; “O consumo responsable: a vida simple como novo estilo de vida”.

Foi unha experiencia moi interesante, de intercambio e reflexión, que contou como formadores e dinamizadores con Pablo Meira Cartea, Kylyan Marc Bisquert i Pérez, Alicia Díaz Balado, Lucía López Salorio, María Barba Núñez, Carmen Morán de Castro, Nélida Lamelas Casteláns, Eva Aguayo Lorenzo, María Paz Caínzos Rodríguez, Alejandro Pérez Diez e Germán Vargas Callejas.



Publicacións recentes
Síguenos
  • Facebook Basic Square
bottom of page